Houbo varios intentos de acadar unha biblioteca pública para a cidade. O primeiro foi no século XIX, no ano 1877; o segundo en 1918 cando o Concello lle cedeu ao Centro Obrero de Cultura o que quedaba da súa Biblioteca Municipal. Finalmente, foi no día 24 de abril de 1942 cando se creou,  por unha Orde do Ministerio de Educación Nacional, a actual Biblioteca Municipal.

É, polo tanto, unha biblioteca de titularidade municipal que conta xa con 70 anos de historia e que, coa mellora dos seus servizos, intenta adaptarse ás novas necesidades e expectativas que detecta nos seus usuarios, desexando ser un soporte informativo básico para a súa comunidade.

Os seus fondos bibliográficos iniciais foron precisamente os fondos bibliográficos dos que dispoñía a Biblioteca do Centro Obrero de Cultura, que fora pechado no ano 1936 co inicio do Movimiento. Estas obras aínda se conservan na actual Biblioteca, na sección de fondo antigo.

Dende a súa creación tivo diversas localizacións: na rúa Magdalena nº 188 (1943-1953), na 2ª planta da Casa do Concello (1953-1990) e por último, no antigo edificio do Banco de España, no que se atopa na actualidade. Ata os anos 2001-2006 non se realizan nel as obras de reforma axeitadas para o aloxamento dunha biblioteca moderna.

No ano 1989 dótase dun regulamento interno, aprobado en sesión plenaria de data 31 de agosto, así como da súa primeira bibliotecaria profesional.

Máis tarde, nos anos 1987 e 1995 respectivamente, creáronse as dúas  bibliotecas sucursais: a Biblioteca Municipal de Caranza e a Biblioteca Municipal do Inferniño. Esta última pechou as súas portas definitivamente no ano 2022, pola cercanía existente coa Biblioteca Central. 

Destacados