Novas accións formativas no Programa Inserta 3.

Mércores, 12 de febreiro de 2014
Durante este mes de febreiro comezan dous novos cursos dirixidos ás persoas beneficiarias deste programa.

O Concello de Ferrol desenvolve o Programa Integrado para o Emprego “INSERTA 3”, dirixido a 80 persoas desempregadas inscritas no Servizo Publico de Emprego de Galicia. Trátase dunha actuación que conta con financiamento da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

Este programa integrado para o emprego ofrece ás persoas beneficiarias a posibilidade de mellorar a súa empregabilidade e inserción laboral, a través dun itinerario que combina accións de información, orientación, asesoramento, formación, practica laboral, prospección de empresas e mobilidade xeográfica e funcional.

Para o proceso de selección das persoas participantes, o Servizo Publico de Emprego fixo unha preselección de máis de 200 persoas, pertencentes aos distintos colectivos obxectivo deste programa: menores de 30 anos, mulleres, parados de longa duración e persoas en risco de exclusión social.

O programa Inserta 3 deu comezo coa realización de actividades formativas transversais que se desenvolveron ao longo do mes de decembro:
  • PRL Básico (60 horas)
  • Habilidades Sociais (30 horas)
  • Ferramentas tecnolóxicas para a busca de emprego (30 horas)
  • Marca persoal (4 horas)
  • Manipulador de Alimentos (5 horas)

Durante o mes de febreiro continuarase coa formación sendo as actividades programadas:
  • Atención ao cliente e técnicas de venda (50 horas)
  • Ofimática, nivel básico e avanzado (25 horas)
Complementariamente ás accións formativas desenvolvese orientación individual e grupal, prospección de empresas, tanto para a inserción como para a realización de prácticas.

Asociado a todo o programa e de cara a mellora da formación académica do grupo que non posúe a Educación Secundaria Obrigatoria, tense previsto nos meses de abril e maio a realización de clases de apoio para que poidan presentarse as probas libres da ESO en maio e setembro.

Este programa, así como outros que se executan dende o Centro de Emprego, está deseñado para a mellora da empregabilidade e a inserción laboral dos colectivos con maiores dificultades para acceder ao mercado de traballo.

Ligazón ás prácticas

Programas Integrados



Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego