|
A Concelleira de Emprego de Ferrol, Martina Aneiros Barros, inaugurou este martes no Centro de Emprego Municipal os cursos de Iniciación á Informática para a busca de traballo
Mércores, 20 de xuño de 2012
Dentro do proxecto de formación para o emprego posto en marcha polo Concello de Ferrol. As accións formativas desenvolveranse en dous grupos, de mañá e tarde, e terán unha duración de 80 horas. A edil de Emprego, Martina Aneiros, explicou que se trata dunha formación eminentemente práctica que ten por obxectivo proporcionar ao alumnado un coñecemento básico no manexo da informática e internet, como ferramenta necesaria para a súa inserción no mercado laboral.
O Centro Municipal de Emprego do Concello de Ferrol, acolleu o inicio de dous cursos de “Iniciación á Informática para buscar traballo”, organizados pola Concellería de Emprego que dirixe Martina Aneiros Barros ao abeiro dunha subvención da Deputación Provincial da Coruña. Os técnicos do Centro Municipal de Emprego seleccionaron a un total de 30 persoas desempregadas das máis de 80 solicitudes que cumprían os requisitos para participar nestas accións formativas.
Así, haberá dúas quendas, con quince alumnos de mañá e outros tantos de tarde. Cada curso consta dun total de 80 horas e desenvolveranse de luns a venres en horario de 09,30 a 13.30 horas, no caso do grupo de mañá; e de 16.00 a 20.00 horas, para o de tarde. A edil delegada de Emprego sinalou que o desenvolvemento deste programa de formación ten como obxectivo proporcionar ao alumnado participante un coñecemento básico no manexo da informática e de Internet, como ferramenta necesaria para a súa inserción no mercado de traballo. Trátase, polo tanto, dunha formación eminentemente práctica encamiñada á busca de emprego de forma activa aproveitando os recursos das novas tecnoloxías, e na que se traballará na confección do currículo vitae e da carta de presentación, entre outras ferramentas de busca de emprego.
A formación está estruturada no seguintes bloques temáticos: informática básica, procesadores de texto, ferramentas para a busca de emprego, internet e servizos principais (web, correo electrónico e mensaxería instantánea) e técnicas de busca de emprego en internet.
LIGAZÓN Á TERCEIRA EDICIÓN
|
|