Novas

martes, 16 de agosto de 2022

O goberno local actualiza o proxecto que renovará a iluminación pública da contorna do Cantón con máis de 120 novas luminarias led

O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que se instalarán na zona axardinada desde a rúa Taxoneira con Angustias ata o remate da Alameda de Suances, á altura de Correos


O goberno local actualiza o proxecto que renovará a iluminación pública da contorna do Cantón con máis de 120 novas luminarias led

O goberno local de Ferrol aprobou esta mañá en Xunta de Goberno Local a modificación e actualización do proxecto de 2016 de execución das obras para a renovación da iluminación pública da praza da Constitución, do Cantón de Molíns, do Cantón baixo, da Alameda de Suances e dos xardíns das Angustias, do que a primeira fase xa se executou. 


Tal e como anunciou esta mañá o voceiro do goberno local, Julián Reina, entre a segunda e terceira fases, aínda pendentes, contémplanse 122 novas luminarias de tres tipoloxías diferentes: en catenaria, en columna e en forma de báculo. En concreto, a fase 2 inclúe o subministro e instalación de 20 puntos en catenaria a unha altura de 6 metros na Alameda de Suances e outras 55 luminarias en columna, de 4,5 metros, no Cantón de Molíns. Ademais procederase ao desmontaxe de 78 puntos de luz e á retirada da columna existente de tres metros e cableado. Pola súa banda, a fase 3 contempla 32 novas luminarias en columna de 4,5 metros no xardín das Angustias e outras 15 en báculo, de 6 metros, na rúa Taxonera e lateral das Angustias. Tamén se desmontarán 32 puntos de luz existentes, retirarase a columna de tres metros e o cableado. En total, o orzamento de execución é de 610.270,60 euros (incluído IVE). 

O proxecto busca “a substitución do sistema de iluminación pública actual no ámbito da Alameda por un sistema baseado en tecnoloxía led en coherencia co mobiliario urbano do barrio da Magdalena”, tal e como explicou Reina. O “obxectivo é que formen un conxunto urbano integral”. O prazo de execución para as fases 2 e 3 é de tres meses desde a data de adxudicación definitiva das fases. 

O voceiro do goberno local tamén anunciou que a Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación correspondente ao subministro dun vehículo bomba urbana lixeira para o servizo de extinción de incendios do Concello de Ferrol. O orzamento do contrato ascende á cantidade 425.982,87 euros (con ive) e o prazo para entregar o vehículo é de 8 meses dende o día seguinte á formalización do contrato. 

Colocación da lousa de granito en calzada esta semana en Pardo Baixo
Esta mesma semana comezará a colocación da lousa de granito na calzada da rúa Pardo Baixo, na que o Concello de Ferrol está a executar obras de humanización para que a vía conte con árbores e plataforma única. Na actualidade estanse a instalar as conexións de redes de servizos no extremo da obra que linda co Cantón e colocando a pedra histórica nas beirarrúas. 

A actriz coruñesa Lucía Veiga, pregoeira das festas
Reina anunciou esta mañá que Lucía Veiga, a actriz coruñesa que forma parte do elenco da serie Rapa como ‘Norma’, será a pregoeira das festas de verán de Ferrol deste ano. O pregón comezará máis tarde do previsto, ás 22 horas, e a continuación terá lugar a primeira actuación do programa festivo co concerto pop de música do anos 80, con Javier Gurruchaga, Alejo Stivel, Nacho García Vega, Carlos Segarra, Rafa Sánchez e Vicky Larraz. 

Arredor de 5.000 persoas na quinta edición da Feira da Cervexa Artesá de Ferrol 
O voceiro do goberno local destacou o éxito da última das iniciativas programadas polo Concello de Ferrol co fin de dinamizar as rúas da cidade e a actividade económica do sector comercial e hostaleiro, a quinta edición da Feira da Cervexa Artesá de Ferrol, que reuniu a pasada fin de semana, entre os días 12 e 15 de agosto, arredor de 5.000 persoas. Foi polo tanto, e segundo indican a organización, “a edición con maior número de asistentes”. Reina lembrou que no marco da estratexia de fomento turístico da cidade mañá mércores, ás 20.30 horas, terá lugar na praza de Armas, de balde, un desafío extremo da man dun dos escapistas do mundo, Víctor Cerro, que se deberá liberar dunha corda de máis de 60 metros. É unha das actividades programadas en Ferrol do I Festival Internacional de Ilusionismo ‘Galicia Ilusiona’.






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar