Novas

xoves, 11 de agosto de 2022

A cidade acollerá os días 19 e 20 de agosto a edición número 53 do Rallye de Ferrol

O alcalde en funcións, Antonio Golpe, presidiu esta mañá a presentación da cita e asegurou que o Concello de Ferrol “mantén un firme compromiso con ela”


A cidade acollerá os días 19 e 20 de agosto a edición número 53 do Rallye de Ferrol

A cidade acollerá os días 19 e 20 de agosto unha nova edición do Rallye de Ferrol, a que fai a número 53. Esta mañá presentaron a proba no pazo municipal o alcalde en funcións e concelleiro de Deportes, Antonio Golpe; a deputada provincial Ana Lamas; Ivan Ares, o piloto ganador da edición do año pasado; Javier Pardo, piloto patrocinador de Suzuki; Juan Esteve, representante da Real Federación Española de Automobilismo; German Castrillón, presidente da Escudería Ferrol; e Diego Calvo, vicepresidente segundo da Xunta. 


Golpe destacou na súa intervención que as 53 edicións “demostran a gran importancia que esta proba ten dentro do calendario deportivo da nosa cidade”. É o motivo polo que o Concello de Ferrol “mantén un firme compromiso con ela”. O Rallye “foi gañando relevancia e prestixio ao longo destas décadas”, e por iso na actualidade “está entre os máis destacados do panorama galego e español grazas ao gran traballo e constancia do equipo organizador”. Agradeceulle tanto á Federación como aos patrocinadores a súa aposta pola proba que, ademais, “representa unha excelente oportunidade para coñecer a cidade”. Para rematar, Golpe insistiu na necesidade de “respectar ao máximo todas as indicacións e recomendacións da organización e das forzas de seguridade” para que o evento se desenvolva con normalidade, e agradeceu a implicación da Escudería Ferrol, da Federación, Suzuki e de todos os patrocinadores e colaboradores “por facer posible a celebración desta proba”. 

Pola súa banda, a deputada provincial Ana Lamas cualificou o evento como unha das probas “referencia no mundo do motor, tanto no circuíto galego como español”, unha competición “vibrante e repleta de emoción”, apuntou. Lamas reivindicou a aposta firme da Deputación “pola práctica deste deporte, que na nosa terra goza dunha gran tradición e no que milleiros de afeccionados se desprazan cada fin de semana para ver algunha das diferentes probas que se disputan ao longo da nosa xeografía”. 

German Castrillón, presidente da Escudería Ferrol, agradeceu o apoio das administracións e indicou que o Rallye “segue crecendo cada ano”. Para a cidade e para a comarca “é moi importante contar cun evento como este, que atrae a tantos visitantes”. Ivan Ares resaltou o esforzo de todos os implicados para que o evento “estea no máis alto, que é o que merece”, e Javier Pardo sumouse aos agradecementos e indicou que será o octavo ano consecutivo que participará na proba. Juan Esteve fixo especial fincapé na necesidade de manter a seguridade durante o evento e Diego Calvo indicou que a cita “contribuirá a incrementar a afección ao mundo do motor na cidade e comarca”. 

A saída oficial será o día 19, ás 17 horas desde a avenida de Esteiro. A proba concluirá o día 20 ás 16.30 horas no mesmo punto e a entrega de trofeos comezará ás 17.15. Pode consultarse toda a información en https://rallyeferrol.com/




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar