mércores, 10 de agosto de 2022
A exposición da fotógrafa iraniana Shadi Ghadirian no Torrente Ballester recibiu xa máis de 700 visitas
Poderá visitarse ata o próximo 28 de agosto. A artista ten obra en museos coma o British, o Centre Georges Pompidou, o Smithsonian, o Victoria & Albert, o Los Angeles Conty Museum of Art ou o Mumok vienés

A exposición ‘Coma tódolos días’, da fotógrafa iraniana Shadi Ghadirian, que no mes de maio abriu ao público no centro cultural Torrente Ballester (rúa Concepción Arenal), recibiu xa máis de 700 visitas. Aínda pode visitarse ata o próximo 28 de agosto.
Trátase dunha retrospectiva da artista que inclúe máis de medio centenar de
imaxes e unha videoinstalación correspondentes a sete series realizadas entre 1998 e o
2015. A través das súas series, afonda na realidade do seu país, Irán, pousando a súa
mirada sobre todo nas mulleres. As pezas expostas no Torrente Ballester atópanse entre
as máis controvertidas da artista, especialmente as que plasman a realidade da muller
iraniana e que mesturan tradición e modernidade. A través das contradicións da vida
cotiá, Ghadirian baséase no seu entorno e na súa cultura, como tamén na súa condición
de muller, para crear a súa obra. Nacida en 1974 en Teherán, opta por esa temática logo
de completar a súa licenciatura na Universidade de Azad.
Ao longo da súa traxectoria, ten gañado o favor do público internacional pola
innovación que mostra no seu traballo, ao mostrar ás mulleres iranianas en marcado
contraste coa forma na que a maioría dos medios occidentais as presentan, de modo que
consigue sorprender ao espectador. Afastada do concepto de retrato occidental,
Ghadirian representa á muller en todos os seus aspectos, iluminando coa cor zonas dun mundo que de outra maneira se presentaría escuro e empregando o humor para derrubar
tabúes.
Grazas á súa habilidade artística, logra enviar unha mensaxe sutil e poderosa
focalizada nos aspectos sociais e históricos do seu propio país, pero cun eco moito máis
alá das súas fronteiras. Por iso, Shadi Ghadirian está considerada unha das primeiras
fotógrafas iranianas que modifican a percepción que se ten da arte e da sociedade
contemporánea de Irán a finais dos anos noventa.
Un percorrido por toda a súa produción
Na exposición ofrécese un percorrido por toda a súa produción, dende a primeira serie,
“Qajar”, de 1998, ata “Too Loud a Solitude”, do 2015, xunto á incursión de Ghadirian
no vídeo, unha linguaxe próxima dende o momento no que o ollo segue recollendo todo
o que sucede diante da cámara.
Nas fotografías de “Qajar”, inspírase nos retratos que se realizan neste período
histórico de Irán a finais do século XIX e principios do XX. Mediante un fino sentido
do humor, define a vida da actual muller iraniana como fóra do seu tempo, nunha
aparente anacronía que fixo que esta serie e a propia Ghadirian sexan mundialmente
recoñecidas e admiradas.
“Like Everyday” (2000) ten xa unha intención clara de elevar a crítica ante as
responsabilidades que recaen sobre a muller durante toda a súa vida. Nas imaxes o
rostro feminino é substituído por un utensilio doméstico, co que trascende distincións
culturais e fai universal a súa protesta.
En “West by East” (2004), atrévese a retratar a mozas iranianas ao xeito
occidental, pero retocando as imaxes tal e como fai a censura coas das revistas
occidentais que se distribúen en Irán.
“Ctrl + Alt + Del” (2006) supón unha reflexión sobre a tecnoloxía, os cambios
sociais e culturais que conleva e a súa imposición sobre a identidade do individuo.
Ademais da constante lectura do que sucede na actualidade, Shadi Ghadirian
sentiu a necesidade de analizar aqueles feitos que marcaron a súa infancia e a súa
adolescencia, derivados tanto da Revolución (1979) como da inmediata guerra entre
Irán e Iraq (1980-1988). As seires “Nil Nil” e “White Square” (2008) convértense así non só na súa propia terapia narrativa, senón tamén no relato de todas as mulleres que
viviron ditos acontecementos, os cales, ata este momento, sempre foron contados
graficamente por homes no campo de batalla (soldados ou fotoperiodistas).
A situación política de Irán segue presente na vida da fotógrafa e impregna tamén
a derradeira serie da exposición. “Miss Butterfly” (2011) escenifica a necesidade de
protección dun mesmo e do fogar, e nace tras un confinamento forzoso na súa propia
casa e episodios de estrés e paranoia que durante dous meses sufriu por medo a ser
arrestada nos días anteriores e posteriores ás eleccións presidenciais do 2009.
Biografía
Dende 1998, Shadi Ghadirian mostrou a súa obra de xeito regular. As súas exposicións
individuais máis importantes tiveron lugar no Los Angeles County Museum of Art, a
Golestan Gallery and SilkRoad Gallery (Teherán), a Aeroplastics Contemporary
(Bruxelas), a Co2 Gallery (Roma), a Officine dell’Immagine Gallery (Milán), a Baudoin
Lebon Gallery (París), a Guild Art Gallery (Bombai) e na Dar Al Funoon Gallery
(Kuwait).
Tamén ten participado en numerosas colectivas, entre as que destacan algunhas no
British Museum (Londres), o Centre Georges Pompidou (París), o Musée du Quai
Branly (París), a Photo Biennale de Moscú, o CCCB de Barcelona, o Barbican Art
Center (Londres), a Saatchi Gallery (Londres), o DCCD de Copenhague, o Museum of
Islamic Art (Doha) ou a Biennale di Venezia no 2015.
A súa obra está presente en importantes coleccións, como as do British Museum, o
Mumok de Viena, o Centre Georges Pompidou, o Los Angeles County Museum of Art,
o Smithsonian ou o Victoria & Albert Museum.
A exposición pode visitarse de martes a sábado, de 11 a 14 horas e de 17 a 21
horas; domingos e festivos, de 11 a 14 horas; luns, pechado.