Novas

martes, 09 de agosto de 2022

O Concello continúa co programa infantil ‘Apego de verán’ cun novo espectáculo de balde o xoves no Torrente Ballester

‘Merenda con pan de millo’ comezará ás 19 horas e reunirá música e contos para que os máis pequenos aprendan como se fai o pan de millo. As próximas citas serán no parque Raíña Sofía os días 21 e 22 de agosto, con monicreques e teatro


O Concello continúa co programa infantil ‘Apego de verán’ cun novo espectáculo de balde o xoves no Torrente Ballester

O Concello de Ferrol continúa coas actividades dirixidas aos máis pequenos da cidade no marco do programa infantil ‘Apego de verán’, unha iniciativa que busca “fomentar e mellorar a transmisión da lingua galega no ámbito familiar”, tal e como apuntou esta mañá a concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, quen lembrou que xa tiveron lugar dous actividades nas últimas semanas e no mes de agosto celebraranse outras tres. 


A edil indicou que todas as actividades son de balde. A próxima cita terá lugar o día 11 de agosto, ás 19.00 horas, na capela do centro cultural Torrente Ballester. O espectáculo ‘Merenda con pan de millo’, de Migallas Teatro, reunirá contos e música da man de Paco Nogueira e Magoia Bodega para que os máis pequenos aprendan como se fai o pan de millo. Está dirixido a nenos de entre 3 e 8 anos e a entrada será libre ata completar aforo. 

O 21 de agosto, ás 12.00 horas, o parque Raíña Sofía acollerá o espectáculo de monicreques ‘Feira das sementes’, de Teatro Babaluva. Trátase da feira máis pequena do mundo, onde nada se vende. Alí as sementes trócanse por outras, por un conto, un refrán, unha canción ou unha adiviña. A entrada será libre.

O día 22 de agosto, ás 19.30 horas, o Parque Raíña Sofía acollerá o espectáculo ‘A illa sen Tesouro’, de Teatro Ghazafelhos. Trátase de teatro na rúa que trasladará aos nenos a unha illa sen tesouro pero cun mesón, un barco e unha cova na que vivir unha fabulosa aventura de piratas. Musica, bailes, pelexas de espadas e toda a acción co humor inconfundible do teatro dos Ghazafelhos. A entrada tamén será libre. 


 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar