Novas

luns, 08 de agosto de 2022

Proposta de adxudicación para rehabilitar os inmobles 3-4 da rúa Somozas, no barrio de Recimil

O voceiro do goberno local e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, avanzou esta mañá que os traballos comezarán a principios do mes de setembro. Trátase dunha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014- 2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) ‘Ría de Ferrol,Cidade 2020’


O voceiro do goberno local e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou esta mañá que a Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol propuxo para adxudicación por 349.086,55 euros (con ive) as obras do proxecto básico e de execución de rehabilitación da envolvente do inmoble 3-4 da rúa Somozas, no barrio de Recimil. Trátase dunha actuación cofinanciable nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España FEDER 2014-2020. Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostenible e Integrado (EDUSI) ‘Ría de Ferrol,Cidade 2020’.


Está previsto que tras a proposta de hoxe, a próxima semana a Xunta de Goberno Local aprobe a adxudicación e as obras comecen a principios de setembro. O prazo de execución é de 5 meses desde a firma da acta de traza de planta. 

O contrato inclúe o revestimento da fachada cun sistema illante e a substitución das carpinterías exteriores por fiestras dunha soa folla de aluminio de apertura oscilobatente, con rotura de ponte térmica, vidro dobre con cámara e microaireadores. 

Tamén se levará a cabo en Somozas o desmonte completo da cuberta e estrutura actual para executar unha nova de madeira con illamento térmico, lámina impermeabilizante e tella. Instalaranse canles e baixantes de zinc, marquesiñas sobre os accesos aos portais, colocaranse ventilacións, habilitarase iluminación natural e artificial do espazo baixo cuberta, soterraranse os cables aéreos de electricidade e telefonía e intervirase nas acometidas de gas. 

Con esta actuación “preténdese mellorar a eficiencia enerxética do edificio de vivendas e as súas condicións térmicas e de estabilidade, dando solución á falta de illamento térmico en toda a envolvente do edificio e ao mal estado da cuberta”, explicou Reina. Na actualidade, tamén en Recimil, “estamos a executar a rehabilitación integral do interior dunha vivenda, na rúa Betanzos”.  

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar