Novas

luns, 08 de agosto de 2022

Avanzan as obras de humanización da rúa Pardo Baixo coa finalización esta semana da colocación do formigón

O voceiro do goberno local e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, anunciou esta mañá que a próxima semana comezarán os traballos de colocación da pedra histórica. Lembrou que a remodelación inclúe a plantación dunha vintena de árbores e a eliminación das beirarrúas. Máis de 25.000 persoas acudiron esta fin de semana á Feira Medieval, que tivo lugar no barrio de Ferrol Vello


Avanzan as obras de humanización da rúa Pardo Baixo coa finalización esta semana da colocación do formigón

O voceiro do goberno local e concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, informou esta mañá dos avances nas obras de humanización que o Concello de Ferrol está a executar na rúa Pardo Baixo. Na actualidade estase a concluír a colocación do formigón no firme, que rematará a finais desta mesma semana, e está previsto que a próxima comece a colocación da pedra. Reina lembrou que as obras de remodelación e urbanización de Pardo Baixo contribuirán “á dinamización económica e social da cidade”. 


A nova configuración da vía vai ser de plataforma única, sen beirarrúas. Nos próximos días colocaranse lousas de granito en lugar das lastras actuais co fin de dispoñer dunha superficie máis lisa e cómoda. Para as marxes aproveitaranse as pedras históricas e substituiranse todos os servizos. En canto á iluminación, empregarase o modelo do barrio da Magdalena: en catenaria e con tecnoloxía led para incrementar a eficiencia enerxética. Ao longo da rúa plantaranse preto dunha vintena de cerdeiras xaponesas, a mesma especie que existe na praza do Callao. 

Gran afluencia de visitantes na Feira Medieval 
O voceiro do goberno local ofreceu esta mañá os datos de afluencia de visitantes a pasada fin de semana á Feira Medieval, que tivo lugar no barrio de Ferrol Vello. Ao longo dos días 5, 6 e 7 de agosto acudiron ás distintas actividades e espectáculos máis de 25.000 persoas.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar