Novas

luns, 20 de setembro de 2021

O Concello recibe preto de 24.000 euros para desenvolver na cidade proxectos dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A concelleira de Igualdade e Muller, Cristina Prados, informou que esta partida subvencionará iniciativas postas en marcha desde o 1 de xullo ata o 30 de xuño do próximo ano. A edil lembrou que na distribución de fondos se tivo en conta que o Concello de Ferrol leva un ano formando parte do programa Vioxen, un plan dirixido á loita contra a violencia de xénero en colaboración coa Policía Local


O Concello de Ferrol vai recibir este ano 23.901,97 euros para o desenvolvemento do proxectos no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, un plan de distribución do fondos destinados aos concellos co fin de erradicar a violencia de xénero. 


A concelleira de Igualdade e Muller, Cristina Prados, informou que esta partida subvencionará iniciativas postas en marcha desde o 1 de xullo deste ano ata o 30 de xuño de 2022, un período no que ademáis do Punto Violenta instalado na Praza de Armas durante as pasadas festas de verán de Ferrol o Concello vai desenvolver iniciativas centradas na sensibilización “dunha problemática que nos preocupa moito e sobre a que é necesario incidir”. Engadiu que as accións programadas para os próximos meses estarán dirixidas a toda a poboación, “tamén as idades mais temperás posto que é vital o traballo de concienciación entre os mozos e mozas”. 

Ferrol no programa Vioxen
O Concello recibe este ano 9.000 euros máis que o pasado ano, cando obtivo 14.864,76 euros. A edil lembrou que na distribución de fondos deste ano tivéronse en conta os municipios que forman parte do programa Vioxen, entre os que se atopa Ferrol desde hai un ano, cando o Concello ratificou coa Subdelegación do Goberno a participación da Policía Local de Ferrol no mencionado sistema de loita contra a violencia de xénero. Trátase dun protocolo de colaboración entre o Corpo de Policía Nacional e Corpo da Policía Local de Ferrol destinado a garantir o cumprimento das medidas xudiciais de protección ás vítimas de violencia de xénero. O sistema Vioxen permite á Policía Local dispoñer de máis información sobre todos os casos activos de violencia machista na cidade de forma que os propios axentes municipais asumen o seguimento e control dalgúns dos casos. Este protocolo establécese tras a creación da Mesa Local de Coordinación Policial, na que están presentes a Policía Local e a Policía Nacional, ademais da Policía Nacional Adscrita, e que ten como finalidade principal sumar esforzos na loita contra a violencia machista. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar