Novas

venres, 30 de xullo de 2021

O Concello inicia o pago do PAME-3, a terceira liña de axudas ao tecido económico da cidade, que supera os 1,4 millóns de euros

Un 53,5 % das peticións corresponden ao comercio, mentres que o 42,7 % proceden da hostalería e o 3,7 % da cultura. O goberno local vai negociar co resto de grupos políticos unha cuarta convocatoria co remanente ata os 1,8 millóns orzados. O plan está dotado con fondos propios do Concello (o 55,56 %) e do Plan de Emprego Local da Deputación (44,44 %)


O Concello inicia o pago do PAME-3, a terceira liña de axudas ao tecido económico da cidade, que supera os 1,4 millóns de euros

O Concello de Ferrol xa comezou a pagar as axudas municipais da terceira edición do Plan de Mantemento e Impulso da Actividade Económica no termo municipal de Ferrol con motivo da crise económica provocada pola covid-19 (PAME-3). Estas subvencións, destinadas aos sectores de restauración e hospedaxe, ocio nocturno, comercio local e cultura contan cun financiamento de 1,8 millóns de euros, dos que o 55,56 % (un millón) corresponden a fondos propios do Concello e un 44,44 % (800.000 euros) ao Plan de Emprego Local (PEL 2021) da Deputación da Coruña. En total adxudicouse 1.417.441,11 euros entre as 628 axudas concedidas. 


A concelleira de Promoción Económica, María Teresa Deus, adiantou esta mañá que o remanente, preto de 383.000 euros, destinarase a unha cuarta convocatoria de axudas “que se acordará con todos os grupos políticos” e para a que tamén “se contará cos propios afectados do tecido económico da cidade para coñecer de primeira man as necesidades ás que se enfrontan neste momento por mor da pandemia”, explicou a edil. 

Deus lembrou que as axudas están divididas en dúas liñas. Unha dedicada ás cotas da seguridade social e do réxime especial de traballadores autónomos e outra para os gastos de aluguer de locais ou préstamos hipotecarios. En total, foron 628 solicitudes concedidas e dos 1,4 millóns de euros adxudicados, máis de 890.000 euros destináronse á primeira liña e preto de 526.800 á segunda. Por sectores, o 53,5 % foron para establecementos comerciais, o 42,7 % para locais de hostalería e o resto, o 3,7 %, para o sector da cultura.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar