Novas

xoves, 29 de xullo de 2021

O pleno aproba por unanimidade que Ferrol se adhira ao protocolo de prestación de servizo en beneficio da comunidade destinado a menores

A corporación ao completo tamén deu o seu visto bo ás bases do ‘Premio Solidario Cidade de Ferrol’ deste ano


O pleno aproba por unanimidade que Ferrol se adhira ao protocolo de prestación de servizo en beneficio da comunidade destinado a menores

 O pleno da corporación municipal celebrou esta mañá a sesión correspondente ao mes de xullo. No punto 1 aprobouse o borrador da acta da sesión anterior, correspondentes á celebrada o día 13 de maio (extraordinaria e urxente) de 2021. No punto 2 deuse conta das resolucións ditadas pola Alcaldía e os seus delegados no período comprendido entre os días 16 de xuño e 16 de xullo de 2021. 


O punto 3, a proposta de aprobación da Addenda ao convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o Concello de Ferrol, para a formalización da encomenda de xestión da explotación, mantemento e conservación do sistema de saneamento e depuración do Concello de Ferrol, aprobouse cos votos a favor de PSOE, PP e FeC e en contra do BNG. 

O punto 4, a proposta de aprobación inicial do Regulamento de funcionamento da oficina de obxectos perdidos do Concello de Ferrol, aprobouse cos votos a favor do PSOE, PP e FeC e a abstención do BNG. 

O punto 5, a proposta de aprobación para que o Concello de Ferrol se incorpore e asine o convenio de adhesión ó protocolo xeral de colaboración entre a Consellería de Política Social e a FEGAMP para a execución da medida xudicial de prestacións en beneficio da comunidade destinado a menores, aprobouse por unanimidade.

No punto 6 deuse conta das vítimas mortais por violencia de xénero, dende o 1 de xaneiro ata o 22 de xullo de 2021, en total 27. 

O punto 7, a proposta de aprobación das bases do ‘Premio Solidario Cidade de Ferrol’ 2021, aprobouse por unanimidade. No caso das mocións, primeiro debatéronse as que contaban con intervencións. 

A do punto 10, a do grupo municipal do Partido Popular en defensa do servizo público de Correos, na que tomaron a palabra dous representantes sindicais (Miguel Fraga, de UGT; e Carlos del Río, da CIG), aprobouse por unanimidade. 

Na do punto 11, a moción dos grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego e de Ferrol en Común en nome da Comisión Pro Memorial das vítimas do franquismo en Ferrolterra para a construción dun monumento ás vítimas do franquismo, tomou a palabra Anxo Ferreiro Currás. Aprobouse cos votos a favor do PSOE, FeC e o BNG e a abstención do PP. 

O punto 8, a moción do grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego relativa á nova tarifa eléctrica, rexeitouse cos votos a favor do BNG, a abstención de PP e FeC e en contra do PSOE. 

O punto 9, a moción do grupo municipal do Partido Popular para esixir ó Goberno de España que respecte as decisións xudiciais e non conceda o indulto ós líderes independentistas cataláns condenados por sedición, rexeitouse cos votos a favor do PP e en contra do resto. 







Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar