Novas

xoves, 29 de xullo de 2021

O encontro ‘Cima en Curta’ de mañá contará cun segundo pase tras esgotarse as entradas do primeiro

O Concello promove a creación artística de cineastas galegas coa proxección de cinco curtametraxes mañá venres nos Cines Dúplex, ás 19.45 horas e ás 22 horas, e tras a primeira celebrarase un debate coas autoras e o público. As entradas para o segundo pase, de balde, repartiranse hoxe, de 17 a 21.45 horas, e mañá, desde as 17h no despacho de billetes da sala ata completar o aforo establecido


O encontro ‘Cima en Curta’ de mañá contará cun segundo pase tras esgotarse as entradas do primeiro

O Concello de Ferrol promove a creación artística de mulleres cineastas galegas coa celebración mañá venres, 30 de xullo, do ciclo de cine ‘Cima en Curta’, unha iniciativa impulsada en colaboración coa Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais e os Cines Dúplex, onde se celebrará. Tras esgotarse en apenas tres horas as entradas da sesión das 19.45 horas, ás 22 horas celebrarase outro pase, tamén de balde, cuxas entradas poden retirarse hoxe no despacho de billetes da sala de 17 a 21.45 horas e mañá desde as 17 horas ata o inicio do ciclo ata completar o aforo establecido. Proxectaranse cinco curtametraxes e tras a primeira sesión celebrarase un debate co público e as autoras.

A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, lembrou esta mañá que ‘Cima en Curta’ é unha mostra de cine mediante curtametraxes co obxectivo de “dar a coñecer os traballos realizados por mulleres cineastas (directoras, guionistas, produtoras, montadoras, directoras de fotografía, entre outras) ao público galego e “ao mesmo tempo promover o debate sobre a creación cinematográfica das mulleres no contexto particular de Galicia co fin de apoiar a súa presenza na industria audiovisual”. As cinco curtametraxes son Muller Personaxe, de Lucía Estévez, unha entrevista coa súa nai que lle serve á directora para facer unha reflexión sobre o rostro feminino na la pantalla galega; Dores, de Coral Piñeiro, responde á necesidade de loitar contra o esquecemento do acontecido durante a ditadura de Franco en Galicia e assúas
consecuencias aínda presentes hoxe en día; Xoves de comadres, de Noemí Chantada, reflicte que o seu mundo era xa como un formigueiro baleiro, unha colmea case seca á que chegou un grilo bullicioso; Carne, de Camila Kater e Chelo Loureiro como produtora, mostra como a través de relatos íntimos e persoais cinco mulleres comparten as súas experiencias en relación co corpo, desde a infancia ata a terceira idade e, por último, Terceira oportunidade, de Xudit Casas, que abre o debate de quen ten o poder nunha relación de parella.

Prados explicou que o fin é “estimular a creación artística coa mirada de muller, promover o debate dende unha perspectiva feminista e fomentar a representación equilibrada da muller no sector cinematográfico”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar