Novas

xoves, 29 de xullo de 2021

O Concello recibirá máis de 186.000 euros do Goberno central para paliar os danos causados polos temporais nas cubertas e fachadas de FIMO e nun noiro de Doniños

O Ministerio de Política Territorial vén de resolver a concesión das subvencións que a anterior ministra, Carolina Darias, hoxe responsable da carteira de Sanidade, anunciou en Ferrol o pasado mes de setembro durante a súa primeira visita oficial a unha cidade galega. A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, anunciou esta mañá que a axuda cubre o 50 % do custe de ambas reparacións, o máximo subvencionable


O Concello recibirá máis de 186.000 euros do Goberno central para paliar os danos causados polos temporais nas cubertas e fachadas de FIMO e nun noiro de Doniños

O Concello de Ferrol vai recibir por parte do Goberno central unha subvención de 186.105,56 euros para executar na cidade dúas obras de reparación de danos causados polos temporais do outono e o inverno do 2019: por un lado arranxos en cubertas e fachadas de FIMO (105.433,52 euros) e, por outro, o reforzo e saneamento do noiro situado en Doniños, que ten na súa parte superior un parque infantil e que linda cunha pista deportiva (80.672,04 euros). 


Trátase dunha liña de subvencións que a anterior ministra de Política Territorial, Carolina Darias, hoxe responsable da carteira de Sanidade, anunciou no pazo municipal ferrolán o pasado 6 de setembro xunto ao alcalde, Ángel Mato. Esta medida, posta en marcha mediante o real decreto 772/2020, de 25 de agosto do 2020, ten como obxecto ampliar os fondos xa aprobados no 2019 e destinados a sufragar as reparacións de danos causados por este tipo de incidencias meteorolóxicas, que a finais daquel ano deixaron numerosos estragos en diferentes puntos da xeografía española. No caso de Galicia, encadeáronse unha serie de borrascas, como foron Cecilia, Daniel, Elsa e Fabien, que afectaron especialmente á zona de Ferrol. 

A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, anunciou esta mañá que a axuda cubre o 50 % do importe total de ambas reparacións (máis de 370.000 euros), o máximo subvencionable. A edil agradeceu ao ministerio “esta posibilidade de cofinanciamento para obras tan necesarias para a cidade”, o que vai permitir ao Concello “preservar” parte dos seus fondos para seguir acometendo obras nos edificios municipais.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar