Novas

mércores, 28 de xullo de 2021

O Concello activa a nova Ruta das Baterías de Costa, que percorre nove puntos do litoral ferrolán

As concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, presentaron esta mañá os detalles do percorrido, que inclúe o Castelo de San Felipe e as baterías militares de San Carlos, San Cristovo, da ensenada de Cariño, Punta das Viñas, Cabo Prioriño, Monte Ventoso, Nosa Señora de Doniños e as baterías de Cabo Prior. É unha das rutas recollidas na Plataforma Observer, que engloba destinos catalogados como turismo científico


O Concello activa a nova Ruta das Baterías de Costa, que percorre nove puntos do litoral ferrolán

 O Concello de Ferrol vén de activar a nova Ruta das Baterías Militares da Costa que xa forma parte das recollidas por Observer, unha plataforma homologada que engloba destinos e servizos catalogados como de turismo científico. As concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, presentaron esta mañá os detalles do percorrido, que inclúe o Castelo de San Felipe e as baterías militares de San Carlos, San Cristovo, da ensenada de Cariño, Punta das Viñas, Cabo Prioriño (que engloba tres baterías), Monte Ventoso, Nosa Señora de Doniños e as baterías de Cabo Prior (con outras tres).


A responsable municipal de Turismo apuntou que se trata dun traballo multidisciplinar co fin de poñer en valor “todas as nosas baterías e a súa contorna”, para o que se colocaron carteis informativos con códigos QR en cada unha delas que enlazan coa plataforma, na que se atopa unha guía en PDF de preto de 60 páxinas, audioguías, vídeos con dron, en 3D, infografías, documentación histórica e científica da contorna, consellos para desenvolver a ruta, bibliografía complementaria, distancias entre baterías, tempo de desprazamentos e outros moitos datos. 

É, dixo, “o resultado dun traballo desenvolvido con rigor científico, técnico e histórico” en colaboración con Observer e Explorer, que desenvolveu os vídeos, no marco do proxecto MMIAH, unha iniciativa liderada polo Concello de Ferrol que busca poñer en valor o borde litoral urbano da área atlántica a través da recuperación de bens en desuso asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o seu uso e xerar actividades co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica. 

Suma esforzos de cara á candidatura de Ferrol a Patrimonio Histórico
Pola súa banda, a concellería de Patrimonio Histórico resaltou que se trata dun “produto turístico de calidade que se suma ás iniciativas postas en marcha polo Concello cara a mellorar a candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial”. 

O proxecto contou tamén coa colaboración do investigador e comandante de artillería na reserva José López Hermida, quen felicitou ás concelleiras por “por fin dar un pulo ao patrimonio militar co que conta a nosa cidade” e animou á iniciativa privada a participar neste tipo de accións con fin de “sumar esforzos por Ferrol”. 

Píldoras científicas e personaxes relevantes
Trátase dunha ruta catalogada pola Plataforma Observer como científica, polo que a guía tamén inclúe un apartado dedicado a píldoras científicas que abordan cuestións como as pradeiras mariñas, a importancia da biodiversidade, as aves da contorna, as choivas de estrelas ou as lagoas costeiras. Tamén se lembran ao personaxes vencellados á cidade, como José Luis Comellas, historiador e recoñecido astrónomo ou o enxeñeiro Mariano Gil de Bernabé. 

Vídeos con dron en 3D para visitantes e veciños 
A guía que se presentou esta mañá se deseñou tanto para novos visitantes como para os veciños da cidade “posto que moitas persoas aínda non coñecen as baterías coas que contamos na nosa contorna”, explicou a concelleira de Turismo. Outra das novidades do novo produto turístico son os vídeos gravados con dron, moitos en 3D, cos que o espectador pode trasladarse á mesma batería. A guía recomenda desenvolver a ruta en dúas xornadas e advirte que existen carteis informativos que alertan do perigo de algúns puntos. 


Guía en PDF: 
Na web municipal: https://www.ferrol.gal/, na sección de Destacados 

Plataforma Observer:




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar