Novas

mércores, 28 de xullo de 2021

O ‘Premio Solidario Cidade de Ferrol’ contará por primeira vez cunha categoría para proxectos de voluntariado e solidariedade e outra para os de cooperación internacional

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, trasladou aos grupos da oposición en comisión extraordinaria as bases para o certame, que se someterán ao pleno de mañá. A primeira estará dotada con 6.000 euros e a segunda con 4.000 e a cerimonia de entrega celebrarase no mes de setembro


O ‘Premio Solidario Cidade de Ferrol’ contará por primeira vez cunha categoría para proxectos de voluntariado e solidariedade e outra para os de cooperación internacional

 O ‘Premio Solidario Cidade de Ferrol’ que cada ano outorga o Concello terá por primeira vez este ano dúas categorías: a de ata agora, para proxectos de voluntariado e solidariedade, e unha nova destinada a proxectos de cooperación internacional. Así o trasladou a concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, durante a comisión extraordinaria da área celebrada onte. A edil expuxo as bases do certame, que se someterán ao pleno de mañá xoves e cuxa publicación no BOP dará paso á apertura do prazo de presentación de proxectos. 


Martínez Montero explicou que a primeira, cunha dotación económica anual de 6.000 euros, vai premiar a posta en marcha, a ampliación e a continuación de proxectos solidarios e no eido do voluntariado que se desenvolvan nun contexto local, é dicir, no ámbito do municipio de Ferrol. A segunda, de 4.000 euros, premiará a posta en marcha, ampliación ou continuación de proxectos solidarios no eido da cooperación internacional e dentro do ámbito da protección dos dereitos sociais básicos, como a saúde, a educación, a alimentación, o hábitat ou o saneamento básico das persoas e colectivos máis vulnerables. Ademais da dotación económica, entregarase un distintivo solidario nunha cerimonia que se celebrará no mes de setembro sempre que as condicións sanitarias o permitan. Farase un recoñecemento público e expreso a cada unha das entidades participantes “polo seu esforzo e implicación en proxectos de tipo solidario”, explicou a edil. 

Unha vez aberto o prazo de presentación de propostas, terase en conta o interese xeral e específico dos proxectos, como o seu carácter innovador, o grao de participación directa das persoas ou entidades beneficiarias, o impulso de dinámicas que favorezan o autodesenvolvemento, a promoción da igualdade de xénero, o respecto ao medio ambiente ou a relevancia do proxecto para colectivos con dificultades específicas, entre outros aspectos.

O pasado ano, unha edición especial 
Este ano é a primeira vez que se convoca tamén un recoñecemento a proxectos de cooperación internacional. Por mor da pandemia, a pasada edición o goberno local estimou oportuno dedicar o ‘Premio Solidario Cidade de Ferrol’ ao conxunto de entidades sociais da cidade —e non só a unha, como en edicións anteriores— pola súa implicación coa sociedade ferrolán “en medio dunha terrible situación”, lembrou Martínez Montero, de modo que o orzamento do premio dedicouse ao programa social ‘En rede na casa’, unha iniciativa posta en marcha polo Concello de Ferrol pola que se proporcionou unha tablet con acceso a internet aos escolares vulnerables e sen medios informáticos que tiveron que permanecer nas súas vivendas por confinamentos puntuais motivados por ser positivos ou estar en contacto estreito co virus. 






Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar