A concelleira de Benestar Social e Muller, María López, presentou o I Certame de Cine da Muller e o I Concurso de Curtametraxes “Pola igualdade de xénero”, que se celebrarán entre o 14 e o 18 de marzo nos Cines Dúplex, ubicados no barrio de Esteiro. Serán catro as longametraxes que se proxectarán ás 18.00 horas ao longo de catro sesións: “Quiero ser como Beckham”, “La vida empieza hoy”, “Amelia” e “La boda de Tuya”. Na última xornada –a correspondente ao venres- poderanse ver as curtametraxes que se presentaron ao concurso convocado pola Concellería de Muller co obxectivo de visualizar accións para sensibilizar e erradicar situacións de desigualdade a prol dunha igualdade de xénero. Así mesmo, tal e como subliñou a edil, a iniciativa ten como finalidade dar a coñecer as dificultades e vantaxes de vivir en igualdade como a mellor forma de combatir a violencia que sofren as mulleres por mor das desigualdades existentes na sociedade actual. Un total de doce traballos presentáronse a este I Concurso de Curtametraxes “Pola igualdade de xénero”, cuxo éxito destacou a concelleira María López, subliñando a participación de autores de diferentes lugares de España e mesmo do estranxeiro.
A entrada para asistir a todas estas proxeccións será gratuíta e ata completar o aforo. A primeira delas será “Quiero ser como Beckham” e celebrarase o vindeiro luns. Dirixida por Gurinder Chadha, esta longametraxe ten como protagonista a Jess, unha rapaza de 18 anos cuxos pais queren que sexa unha encantadora e convencional moza india. Ela só quere xogar ao fútbol como o seu héroe, David Beckham. “La vida empieza hoy”, dirixida por Laura Mañá, pasarase o martes día 15. Premio da Crítica do Festival de Cine de Málaga, esta longametraxe conta as vivencias dun grupo de xente da Terceira Idade que acode a unhas clases de sexo onde a profesora lles axuda a facer fronte aos problemas xerados pola idade.
O I Certame de Cine da Muller a continuará o mércores, 16 de marzo, con “Amelia”, unha cita baseada en feitos reais: a desaparición da estadounidense Amelia Earhart, unha pioneira da aviación que desapareceu en 1937 mentres sobrevoaba o Océano Pacífico cando tentaba cumplir o seu sono de dar a volta ao mundo. A última das proxeccións será o 17 de marzo: “La boda de Tuyaha”, gañadora do Oso de Ouro de Berlín á mellor película do certame. A acción desenvólvese na Mongolia máis rural e profunda onde Tuya, unha nova muller que loita por cambiar o seu destino, tenta sacar adiante ao seu marido, tullido, aos seus dous fillos e ao seu rebaño de ovellas.
Antes do inicio destas catro proxeccións o público poderá coñecer catro das propostas presentadas ao I Concurso de Curtametraxes “Pola igualdade de xénero”. As restantes coñeceranse o venres, 18 de marzo. A este respecto, a concelleira María López, que estivo acompañada na rolda de prensa desta mañá polo animador sociocultural da Casa da Muller, David Monteagudo, destacou que os asistentes ás sesións terán a oportunidade de votar as curtas, que teñen unha duración de dez minutos, toda vez que haberá un terceiro galardón como Premio do Público –este consistirá en 10 entradas para os Cines Dúplex e unha videocámara dixital-. Respecto aos dous restantes premios, corresponderanse con dúas categorías, sendo a primeira delas a relativa a rapaces e rapazas de ata 18 anos inclusive. O premio será 25 entradas para os Cines Dúplex e unha videocámara dixital. A segunda das categorías é para persoas con 19 ou máis anos e o autor da curtametraxe gañadora recibirá 15 entradas para os Cines Dúplex e unha videocámara dixital. Os galardóns entregaranse o vindeiro venres ás 20.15 euros, nos devanditos Cines.
O xurado do I Concurso de Curtametraxes “Pola igualdade de xénero” estará presidido pola concelleira de Muller, María López e integrado por Chelo Loureiro, produtora e delegada en Galicia da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais; e Catuxa Martínez, técnica en Cinematografía e Artes Visuais, directora e guionista de curtametraxes e longametraxes e encargada de impartir o obradoiro de Documentación na Casa da Muller. Como secretario, con voz pero sen voto, actuará o animador sociocultural da Casa da Muller, David Monteagudo.
A continuación, a listaxe de curtametraxes presentadas ao I Concurso de Curtametraxes pola Igualdade de Xénero:
1.“Milagro”, de Manuel Rosa Ramírez (Badajoz)
2.“Buen rollito”, de Elena María Gutiérrez de Lario (Londres/ Barcelona)
3.“Vida de perro”, de Carlos Font Clos (Barcelona)
4.“Striptease”, de Juan García Carlevares (Madrid)
5.“Nisá”, de Benet Román (Madrid)
6.“Missed call”, de Nuria García Montiel (A Coruña)
7.“Algún día”, de José Antonio Jiménez García (A Coruña)
8.Sin título. Cristina Prieto Solano (Ferrol)
9.“El orden de las cosas”, de César y José Esteban Alenda (Madrid)
10.Sin título. Daniel Pérez García (Cedeira)
11.“Zoe25”, de Gabriel Bescos (Ferrol).
12.“Mi jarrón”, de José Suárez Triñanes (Boiro)