Casa da Muller - Concello de Ferrol

O Concello de Ferrol pon en marcha un programa de coeducación nos centros educativos do municipio

Preto de 250 rapaces e rapazas de 5º e 6º de Primaria de sete colexios da cidade tomarán parte nesta proposta da Concellería de Igualdade que ten como finalidade promover a igualdade de xénero e prever a violencia contra as mulleres.

 

A concelleira de Igualdade, Verónica Casal Míguez, anunciou a posta en marcha dunha nova acción formativa no eido da promoción e difusión do principio de igualdade de oportunidades. Trátase do programa de coeducación “Somos distintas/os, somos iguais”, que a Administración ferrolá ten previsto desenvolver durante os vindeiros meses en colaboración cos centros educativos do municipio ferrolán e que hoxe bota a andar nos colexios Santa Juana de Lestonnac e Juan de Lángara.

Así as cousas, a edil explicaba que a iniciativa enmárcase dentro das actuacións que o Concello de Ferrol ten previsto levar a cabo no marco do II Plan de Igualdade, aprobado en sesión plenaria o pasado 22 de decembro de 2010, co obxectivo de impulsar actuacións e medidas correctoras que permitan compensar as desigualdades e eliminar todo tipo de discriminación, tanto no campo da formación e información sobre a igualdade de xénero como na sensibilización e prevención da violencia contra as mulleres. Así, a finalidade de “Somos distintas/os, somos iguais” pasa por fomentar unha actitude crítica fronte á desigualdade e garantir a transmisión de valores como a igualdade, a dignidade e a non violencia.

En canto aos destinatarios, Casal Míguez, avanzaba que estes serán o alumnado de 5º e 6º de Primaria dos centros educativos do municipio ferrolán. E, ao fío xa avanzou que haberá dúas quendas: unha primeira, que se desenvolverá durante os meses de abril e maio e no que xa teñen confirmada a súa participación sete colexios da cidade e preto de 250 alumnos. Estes son o Juan de Lángara, Valón, Ponzos, Esteiro, Pazos, Lestonnac e Manuel Masdías. E nunha segunda, que terá lugar durante os meses de setembro a novembro e para a que xa están apuntados dous centros máis: San Xoan e Tirso de Molina, aínda que outros moitos xa amosaron o seu interese por participar.

No que atinxe aos contidos do programa, este se estrutura en catro módulos de dúas horas de duración cada un deles: “Cada un/unha é do seu pai e da súa nai”. As relacións entre xéneros; “Miña casiña, meu lar”. A igualdade comeza de portas para dentro; “Nada novo baixo o sol”. Unha visión histórica da igualdade, e “Estudas ou traballas”. A igualdade no contexto escolar e laboral. Asemade e de xeito transversal, está previsto que se aborde en todos eles o tema da violencia co emprego dunha linguaxe que promova a cooperación e o uso de condutas alternativas como o diálogo. O xogo ou o debate serán algúns dos recursos empregados polo persoal encargado de desenvolver este programa.

Finalmente, a edil de Igualdade, Verónica Casal subliñou que “Somos distintas/os, somos iguais” pretende acadar unha actitude máis crítica fronte á desigualdade, así como a promoción de valores e a adquisición de recursos “non só para detectar as diferentes formas en que se manifestan estas desigualdades, senón tamén de adquirir as ferramentas necesarias que permitan modificar esas condutas discriminatorias entre os máis novos, que son, en definitiva, as xeracións do futuro”.

Ùltima modificación Venres, 04 de Maio de 2012 11:57

Noticias Destacadas

Rúa Lugo, 56 15402 Ferrol
Horario: Luns a Venres: 10 a 14 h - 17 a 20 h.
Tel 981 944 240 | casadamuller@ferrol.es