Casa da Muller - Concello de Ferrol

A Concellería de Igualdade pon en marcha un obradoiro de autoimaxe en colaboración co centro "Querote+"

Serán cinco sesións de hora e media de duración. A edil Verónica Casal sinalou que aquelas mulleres que estean interesadas en participar poden anotarse na Casa da Muller, dende mañá e até o vindeiro día 10, en horario de 9 a 14 horas. “Redescúbre-Te!” está dirixido a mulleres de 18 a 35 anos, que poderán traballar habilidades sociais, comunicativas e de relación e mesmo aspectos relacionados coa imaxe corporal.

 

A Concellería de Igualdade, que dirixe Verónica Casal Míguez, en colaboración co centro Quérote + da Xunta de Galicia está a organizar un obradoiro de autoimaxe denominado “Redescúbre-Te!” e dirixido a aquelas mulleres da cidade que teñan entre 18 e 35 anos. O obxectivo? Crear un espazo de reflexión sobre a imaxe corporal e contribuír ao coñecemento e vivenciación positiva do feito de ser muller en sociedade. Así o anunciaba a edil esta mañá ao tempo que animaba ás beneficiarias desta iniciativa a apuntarse e participar dunha experiencia “que nos permitirá reflexionar sobre as influencias culturais e da educación na autoimaxe, ademáis de poder acceder a instrumentos e ferramentas que contribúan a mellorar a nosa autoestima como mulleres”. Para elo, aquelas que estean interesadas en tomar parte nesta acción poden anotarse dende mañá e até o vindeiro 10 de febreiro na propia Casa da Muller, sita na rúa Lugo 56, primeiro andar, en horario de 9 a 14 horas.


Así as cousas, Verónica Casal explicaba que esta iniciativa nace no marco da colaboración establecida entre a Concellería de Igualdade e o centro Quérote + co fin de reflexionar acerca da realidade actual, do papel da muller na sociedade, da evolución histórica do rol feminino e sobre todo co obxectivo de traballar as ferramentas necesarias para lograr un concepto óptimo de cada unha delas e de fomentar relacións sociais e afectivas respetuosas e saudables para disfrutalas e para lograr a tolerancia e a igualdade nas mesmas.


Nesta liña, Casal explicaba que o obradoiro constará de cinco sesións de hora e media de duración que se levarán a cabo de xeito semanal e nos que se abordarán, entre outras cuestións a imaxe corporal, a sexualidade e a convivencia; as estratexias básicas para mellorar a autoestima, a asertividade, a empatía e o respeto por unha mesma, e se traballarán habilidades sociais, comunicativas e de relación. Tamén se fomentarán hábitos saudables para mellorar a calidade de vida e se reflexionará sobre o papel da muller na sociedade dende unha perspectiva histórica. O debate ao redor da influencia dos medios de comunicación na visión propia e no canon de fermosura establecido e achegar unha visión ampla sobre os temas biolóxicos, psicolóxicos e sociais da sexualidade feminina son outras dos obxectivos fixados no marco desta actividade.


Finalmente, Verónica Casal sinalou que no caso de que o número de solicitudes o fixera necesario, se desdoblarían as sesións para dar entrada a todas cantas mulleres solicitaran a súa participación neste obradoiro de autoimaxe.

 

Ùltima modificación Martes, 07 de Febreiro de 2012 12:52

Noticias Destacadas

Rúa Lugo, 56 15402 Ferrol
Horario: Luns a Venres: 10 a 14 h - 17 a 20 h.
Tel 981 944 240 | casadamuller@ferrol.es