Actuacións musicais a cargo da artista galega e ex vocalista de Lúar na Lubre Rosa Cedrón, ou das usuarias da Casa da Muller, ciclos de cine, mesas redondas, a exposición “Mulleres vistas por Mulleres”, a presentación da web da Casa da Muller ou do libro “Mulleres na historia da educación en Ferrol” son algunhas das actividades que foron deseñadas conxuntamente polo Concello e o movemento asociativo. A estas súmanse a entrega do galardón 8 de Marzo, que terá lugar o vindeiro 6 de marzo no Teatro Jofre, nun multitudinario acto cidadá que conducirá a actriz ferrolá Luma Gómez.
Xa polo miúdo, a edil explicou que a programación, que ten como finalidade visualizar, destacar e pór en valor o papel da muller, abrirase o 23 de febreiro coa presentación da páxina web da Casa da Muller. Un portal que pretende achegar a todas as ferrolás información polo miúdo acerca de todas as actividades, accións formativas, obradoiros ou servizos que se prestan na dita Casa. Trátase, en definitiva, de crear un espazo na Rede participativo e aberto ás opinións e suxerencias de todas as mulleres. Así mesmo, indicou que a Declaración Institucional do Día Internacional da Muller levarase ao pleno do 24 de febreiro e lerase na Casa da Muller o 8 de marzo ás 18.00 horas. O 1 de marzo presentarase ás 19.00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia o libro “Mulleres na historia da educación en Ferrol”. Un traballo de investigación que se enmarca no proxecto Ferrol en Feminino e recolle a evolución do ensino que recibiron as nenas de Ferrol dende o século XVIII ao XX. A publicación preséntase, pois, como unha homenaxe ás 241 mulleres ferrolás que dalgún xeito foron as impulsoras da educación e da cultura na nosa cidade (como mestras, pedagogas, alumnas, fundadoras e colaboradoras).
Posteriormente, o 3 de marzo, a Biblioteca Municipal da Praza de España acollerá ás 17.00 horas a inauguración do curso Alfabetización Dixital, cuxo obxectivo é achegar as mulleres de Ferrol ás novas tecnoloxías -as sesións impartiranse ata o 30 de xuño-. Esta actividade formativa, que se enmarca no proxecto Mulleres en Rede, é gratuíta e mantén aberto o prazo de inscrición ata o vindeiro 25 de febreiro, na Casa da Muller.
A concelleira María López destacou que neste mes adicado ás mulleres o cinema será tamén protagonista. A este respecto, avanzou que o 3 de marzo celebrarase unha nova sesión do Cine-Fórum Muller, posto en marcha polo Concello de Ferrol na Casa da Muller coa finalidade de achegar aos asistentes ás diferentes realidades de mulleres de países como India, Afganistán ou Estados Unidos. Así, tras as proxeccións de “Agua”, “Las mujeres perfectas” e “Osama”, será o turno de “María Querida”, baseada na vida e obra da filósofa e ensaísta malagueña María Zambrano. O pase será gratuíto e terá lugar ás 18.00 horas, tal e como subliñou a edil, ao tempo que informou de que as actividades en torno ao Día Internacional da Muller continuarán o 6 de marzo. Por unha banda, un acto organizado pola Marcha Mundial das Mulleres no Cantón de Molíns, ás 12.00 horas e, por outra, o acto cidadá que organizará o Concello no Teatro Jofre ás 19.00 horas, presentado pola actriz ferrolá Luma Gómez. Nel, o alcalde, Vicente Irisarri, fará entrega do terceiro galardón “Oito de Marzo”, co que se quere recoñecer os méritos de mulleres ou entidades en calquera ámbito da sociedade a prol da igualdade.
María López asegurou que a intención de Concello e entidades de mulleres é darlle o maior protagonismo posible ás usuarias da Casa da Muller e ao traballo que levan a cabo durante todo o ano nestas instalacións municipais. Para iso, programáronse toda unha serie de actuacións que guiarán as expertas que imparten os talleres, centrados na música, no teatro e na palabra, principalmente. Así mesmo, no transcurso da gala, as asistentes poderán visualizar a curtametraxe elaborada con motivo do 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero, na que se recolle o percorrido realizado por un nutrido grupo de ferrolás seguindo unha das rutas de Ferrol en Femenino. A actuación estelar virá da man da cantante galega e intérprete de violonchelo Rosa Cedrón, a voz durante nove anos do grupo Luar na Lubre, que colaborou en discos de músicos como Mike Oldfield -no ano 2005 deixou a formación e a partir dese momento se adica á súa carreira en solitario, publicando o seu primeiro disco, “Entre dous mares”, en 2007-.
Por outra banda, a Casa da Muller inaugurará o día 8 ás 18.30 horas a exposición “Mulleres vistas por mulleres”, unha mostra fotográfica que amosa a través dunha serie de imaxes captadas por mulleres de todo o mundo a visión que estas teñen do seu xénero e da súa posición na sociedade actual. A exposición é froito da colaboración entre o colectivo ourensán “Anacos da cidade” e o colectivo “Ciudad de Mujeres” -este último cedeu un total de 42 imaxes, que son as que se poderán ver na Casa da Muller-.
Unha mesa redonda organizada pola Asociación de Mulleres Amistad de Santa Mariña para o día 10 de marzo baixo o título “Cara a unha igualdade real”, a tradicional cea festa de mulleres e o Certame Cine de Muller, que se desenvolverá nos Cines Dúplex do 14 ao 18 de marzo completan a programación (xunto ás longametraxes proxectaranse as curtas que concurran ao concurso “Pola igualdade de xénero” e a entrega de premios realizarase o día 18). Xunto a estas iniciativas, terá lugar o acto en lembranza das mulleres vítimas da violencia machista que o Concello organiza o último venres de mes na Pérgola do Recordo -asistirán alumnos e alumnas do colexio La Salle- ou unha mesa redonda sobre “Muller e memoria”, que se celebrará o día 29 na Fundación Novacaixagalega ás 19.00 horas. Finalmente, a edil de Muller informou de que a proxección do documental “Señora de” pechará a programación o 30 de marzo na dita Fundación. Unha longametraxe que amosa os testemuños de varias xeracións de mulleres ás que a Historia non lles permitiu soñar e o único que puideron facer foi resignarse e aceptar que naceron nunha época na que as súas voces, o seus desexos e pensamentos foron silenciados.