O Plano Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) é o único instrumento que habilita para a ordenación urbanística integral dos concellos. O Concello Pleno de Ferrol, en sesión de data 28 de decembro de 2000 e por unanimidade dos grupos políticos que compoñen a Corporación Municipal, aprobou definitivamente a revisión e adaptación do Plano Xeral de Ordenación Municipal vixente naquel momento. No BOP da Coruña nº 48, do 28 de febreiro de 2001, e no DOG nº 49, do 9 de marzo de 2001, foi publicada esta aprobación definitiva, dando fin así a un proceso levado a cabo durante moitos meses. O PXOM, como instrumento urbanístico de ordenación integral do territorio, clasifica o solo, define os elementos fundamentais da estructura xeral adoptada para a ordenación urbanística e establece as determinacións para promove-lo seu desenvolvemento e execución; define o modelo de utilización do territorio a través de determinacións xenéricas para a totalidade e específicas para cada clase de solo. Os obxectivos e criterios xerais de ordenación que fundamentan o PXOM do concello de Ferrol, son os seguintes: Deseña-las infraestructuras viarias da cidade e do territorio municipal no marco comarcal e nacional. Consolida-lo modelo de ordenación, axustando as unidades homoxéneas que constitúen o seu armazón e xerando novas áreas de centralización urbana e comarcal. Concretar e defini-los novos bordes; establece-la delimitación e asignación de novas funcións nas áreas de oportunidade e espacios de actividade. Diversifica-la base productiva cos servicios urbanos. Afondar na salvagarda, protección e recuperación do patrimonio cultural e histórico. Fomenta-la rehabilitación no marco das políticas de recuperación urbana. Avanzar na defensa, protección, recuperación e valorización dos recursos medioambientais e no acondicionamento dos ámbitos costeiros. Fortalecer e diversifica-la estructura territorial dos núcleos de poboación. Mellora-los servicios públicos, as infraestructuras, as dotacións, os equipamentos e a urbanización. Avanzar na corrección e o perfeccionamento da ordenación urbanística pormenorizada. Establecer acordos e convenios coas restantes Administracións en orde a definir prioridades de actuación e a concerta-la estratexia do desenvolvemento urbanístico. Con este documento no web institucional, o Concello de Ferrol pon a disposición de tódolos cidadáns e cidadás a información sobre a Normativa Urbanística e sobre os planos do PXOM, agardando nun futuro próximo podermos chegar a un maior nivel de concreción mediante a cartografía dixitalizada en fase de preparación. Para unha maior información, os nosos servicios técnicos están a disposición de atenderen as súas consultas na cuarta planta do edificio de Urbanismo, na rúa María, 52. - MAPA DO PXOM - NORMATIVA URBANÍSTICA |
|
Funcionamento da web Para a correcta visualización desta páxina web a resolución do monitor debe ser de 800x600, recoméndaselles ós usuarios de Windows agocha-la barra de tarefas. Para observa-la cualificación dunha propiedade, prema na cela de mapa onde crea que está localizada e conseguirá ver unha ampliación. A cela subdividirase noutras catro que, á súa vez, poderán ser ampliables. As cores sinalaranlle a cualificación da propiedade, conforme a "guía de cores". Para saltar dunha cela a outra poderá emprega-lo mapa situado no recanto superior dereito das páxinas de ampliación interiores. Tamén poderá desprazarse mediante os triángulos vermellos de navegación nas páxinas ampliadas. |
|||||||||||||
Volver |