O programa integrado para o emprego "Inserta 4", impulsado polo Concello de Ferrol, acada case o 40% de inserción laboral antes da fase de prácticas en empresas

Venres, 28 de novembro de 2014
Este proxecto comezou o pasado mes de setembro cunha primeira fase formativa que está próxima a rematar, e se prolongará ata abril de 2015.

Un total de 80 persoas empadroadas no municipio e en situación de desemprego participan no programa integrado para o emprego “Inserta 4”, posto en marcha pola Concellería de Emprego do Concello de Ferrol o pasado mes de setembro e que se prolongará ata o 30 de abril de 2015. Actualmente, os participantes estan completando as 310 horas de formación e cando rematen este proceso formativo iniciarán as prácticas laborais. Neste senso, a edil responsable dos programas de fomento da empregabilidade do Executivo local, Martina Aneiros Barros, sinalou que se está en contacto con máis dunha trintena de empresas de Ferrol e comarca que colaborarán na fase de prácticas. A día de hoxe a inserción laboral do “Inserta 4” é dun 37,5%, porcentaxe que dende a Área de Emprego se confía en supera cando a formación dos beneficiarios sexa completa e a iniciativa este rematada ao cento por cento.

O programa integrado “Inserta 4” busca a colocación no mercado de traballo de persoas desempregadas a través da combinación de accións de orientación e información laboral, asesoramento para o autoemprego, formación ocupacional e práctica laboral. Os participantes neste proxecto pertencen a algún dos seguintes colectivos: mozos menores de 30 anos, mulleres, mozos menores de 30 anos con baixa cualificación e persoas desempregadas en risco de exclusión social. As actividades formativas do programa integrado para o emprego “Inserta 4” se centraron en habilidades sociais, informática para a busca de emprego, manipulación de alimentos, atención ao cliente e técnicas de venda, manipulador de carretillas e pontegrúa, PRL básico, marca persoal, intelixencia emocional e executiva, e a atención ao público en inglés.

O carácter innovador deste programa para o emprego consiste na busca de diferentes alternativas para a inserción laboral integral das persoas con maiores dificultades para incorporarse ao mercado de traballo, baixo un enfoque que permita o deseño personalizado dun plan adaptado ás necesidades de cada persoa beneficiaria, así como das necesidades das empresas nas que os participantes realizan prácticas ou son inscritas. Do deseño do contido do “Inserta 4” e do itinerario formativo e de inserción dos participantes no mesmo ocúpanse os técnicos que traballan no Centro Municipal de Emprego.

Programas Integrados



Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego