Peche do programa integrado Inserta 3

Xoves, 31 de xullo de 2014
O Concello de Ferrol clausura unha nova edición do programa Inserta cun nivel de inserción do alumnado superior ao 50%

A concelleira de Emprego do Concello de Ferrol, Martina Aneiros Barros, felicitou ao alumnado que completou con éxito a terceira edición do programa integrado para o Emprego “Inserta”, e animounos a “seguir mellorando a formación e non desfalecer na busca de traballo, para o que contaredes co apoio dos servizos municipais”. A edil ferrolá realizou estas declaracións na clausura das accións formativas enmarcadas nesta iniciativa que se iniciou en novembro do ano pasado e na que participaron 80 persoas demandantes de emprego. No que atinxe aos datos de inserción laboral, o “Inserta 3” conseguiu a colocación de 44 alumnos/as, o que supón o 55% do total. Destes, 11 persoas conseguiron un traballo nunha das 33 empresas de Ferrol e comarca que colaboraron con este programa de formación para a inserción laboral.

En canto ao contido formativo do “Inserta 3”, este respondeu ao perfil do alumnado participante; e impartíronse cursos sobre habilidades sociais, manipulación de alimentos, informática e atención ao cliente, entre outros. Así mesmo, esta formación complementouse con accións de intermediación laboral, asesoramento e orientación para o autoemprego; e prácticas non laborais en empresas de Ferrol e comarca que se desenvolveron entre os pasados meses de xaneiro e maio. Ademais, durante o curso as 80 persoas participantes tiveron un seguimento personalizado a través dun dobre sistema de titorías (colectivas e individuais), de xeito que o seu acompañamento foi continuo ao longo do programa. Destaca o carácter experimental e innovador deste programa integrado para o emprego que consiste na busca de diferentes alternativas para a inserción laboral integral das persoas con maiores dificultades para incorporarse ao mercado de traballo, baixo un enfoque que permita o deseño personalizado dun plan adaptado ás necesidades de cada persoa beneficiaria, así como das necesidades das empresas nas que as persoas participantes son insertadas.

Inserta 4
Estase a preparar a cuarta edición do “Inserta”, este proxecto, busca dar continuidade a liña de colaboración mantida nos últimos anos entre a Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol “proporcionando ferramentas de inserción para o colectivo de desempregados do municipio”. O programa se prolongará ata o vindeiro 30 de abril de 2015 e as persoas interesadas deben poñerse en contacto co Centro Municipal de Emprego do Concello de Ferrol.

O “Inserta 4” está dirixido a un total de 80 persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público Galego e que pertencen a algún dos seguintes colectivos: mozos menores de 30 anos, que contarán con 25 prazas; mulleres, con 15; mozos menores de 30 anos con baixa cualificación, se reservarán 25; e persoas desempregadas en risco de exclusión social, terán 15 prazas.

Paralelamente á formación, e ao igual que aconteceu en anteriores edicións do Inserta, se realizarán actividades de orientación grupal destinadas a traballar habilidades sociais. Esta orientación incluirá módulos ou talleres de curta duración que versarán sobre formación no campo laboral e en aspectos persoais e de interacción social. Así, os participantes aprenderán técnicas e ferramentas de busca de emprego que lles permitirá elaborar o seu propio plan persoal de acción para a busca activa de emprego, ao tempo que traballarán habilidades sociais como a autoestima, autocoñecemento persoal, comunicación, asertividade, crítica, etc.

Programas Integrados



Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego