|
Comezo este luns 14 de abril dun novo itinerario formativo do proxecto “Ferrol punto de emprego II”
Martes, 15 de abril de 2014
“Coidados de persoas discapacitadas físicas e psíquicas”
O día 14 de abril comezou o itinerario de inserción laboral “Coidados de persoas discapacitadas físicas e psíquicas”, enmarcado no proxecto do Concello de Ferrol “Ferrol punto de emprego II”.
Un total de 15 persoas desempregadas (12 mulleres e 3 homes) foron seleccionadas polo equipo técnico do proxecto para participar nesta acción formativa.
A acción formativa “Coidados de persoas discapacitadas físicas e psíquicas”, cunha duración total de 295 horas, desenvolverase dende abril ata o mes de xuño. Este itinerario contempla un módulo de formación específica (110 horas), un módulo de práctica profesional titorizada en empresas (150 horas), módulos de formación transversal e complementaria (35 horas) e titorías individuais e grupais durante todo o itinerario integrado de inserción laboral.
O obxectivo deste itinerario formativo é dotar ao alumnado da suficiente competencia na atención a persoas con discapacidade física e/ou psíquica tanto en ámbitos institucionais como no propio domicilio aplicando as estratexias e os procedementos adecuados para manter e mellorar a súa autonomía persoal e as súas relacións co entorno
O proxecto do Concello de Ferrol “Ferrol punto de emprego II”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.
|
|