|
Este luns 17 de marzo, comezou o itinerario formativo “Actividades auxiliares de almacén” enmarcado no proxecto “Ferrol punto de emprego II”
Martes, 18 de marzo de 2014
Este curso desenvolverase ata o mes de maio de 2014, cunha duración total de 280 horas.
O día 17 de marzo deu comezo un novo itinerario de inserción laboral enmarcado no proxecto do Concello de Ferrol “Ferrol punto de emprego II”. Un total de 15 persoas desempregadas (10 homes e 5 mulleres) foron seleccionadas polo equipo técnico do proxecto para participar nunha segunda edición da acción formativa de “Actividades auxiliares de almacén”. Os seleccionados pertencen a algún dos seguintes colectivos: menores de 30 anos, maiores de 45 anos ou parados de longa duración.
No proceso de selección presentaron a súa solicitude 208 demandantes de emprego do Concello de Ferrol.
A acción formativa “Actividades auxiliares de almacén”, cunha duración total de 280 horas, desenvolverase ata o mes de maio de 2014. Este itinerario contempla un módulo de formación específica (170 horas), un módulo de práctica profesional titorizada en empresas (90 horas), módulos de formación transversal e complementaria (20 horas) e titorías individuais e grupais durante todo o itinerario integrado de inserción laboral.
O obxectivo deste itinerario formativo é capacitar para a realización de operacións auxiliares de almacén, recepción, ubicación básica, preparación e expedición de cargas e descargas, de forma coordinada ou en equipo, baixo a supervisión dun responsable, seguindo as instrucións recibidas, e aplicando os procedementos e equipos adecuados, en condicións de produtividade e respectando a normativa de seguridade, saúde e prevención de riscos.
O proxecto do Concello de Ferrol “Ferrol punto de emprego II”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.
|
|