|
Hoxe día 3 de marzo iniciase o itinerario formativo “Peixaría” do proxecto “Ferrol punto de emprego II”
Luns, 3 de marzo de 2014
O equipo técnico do proxecto seleccionou ás 15 persoas desempregadas (7 mulleres e 8 homes) que participarán na acción formativa de “Peixaría”. No proceso de selección participaron un total de 95 demandantes de emprego.
A acción formativa “Peixaría”, cunha duración total de 410 horas, desenvolverase ao longo de tres meses e rematará a principios do mes de xuño. Este itinerario contempla un módulo de formación específica (140 horas), un módulo de práctica profesional titorizada en supermercados (240 horas) e módulos de formación transversal (30 horas).
O obxectivo xeral deste itinerario é capacitar aos participantes para seleccionar, comprar e vender produtos de pesca, para a súa preparación mediante técnicas de lavado, descabezado, eviscerado, descamado, cortado e fileteado, segundo os casos, mantendo as necesarias condicións de conservación e respectando a normativa de calidade, de medio ambiente e as medidas de seguridade e técnico-sanitarias vixentes, así como capacitalos para levar a cabo as funcións relativas á xestión e administración dunha peixaría.
O proxecto do Concello de Ferrol “Ferrol punto de emprego II”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.
|
|