Un total de 15 demandantes de emprego (5 mulleres e 10 homes) finalizaron con aproveitamento esta acción formativa e contan coa cualificación necesaria para traballar en almacéns. Ademais os participantes nesta acción formativa recibiron 50 horas de formación en “Manipulación de cargas con carretillas elevadoras”, formación que garante o nivel de coñecementos necesarios para o desempeño das funcións de condución de carretillas elevadoras, segundo o disposto no Real Decreto 1215/1997 de 18 de xullo.
Unha vez rematada a formación específica, o día 17 de decembro de 2013 comezou o módulo de práctica profesional titorizada en empresas ata o día 14 de xaneiro de 2014. As quince persoas desempregadas que participaron neste itinerario realizaron as 90 horas de práctica profesional en almacéns de LIDL, BRICODEPOT FERROL, SPORT ZONE FERROL, SEUR e BRICOKING.
No marco deste itinerario formativo tamén se realizaron dúas visitas didácticas:
- o día 29 de novembro de 2013 visita ás instalacións de Pull & Bear Logística no Polígono de Río do Pozo (Narón)
- o día 20 de xaneiro de 2013 visita ás instalacións de INDIPUNT no Polígono de Río do Pozo (Narón)
O obxectivo deste itinerario formativo foi capacitar para a realización de operacións auxiliares de almacén, recepción, ubicación básica, preparación e expedición de cargas e descargas, de forma coordinada ou en equipo, baixo a supervisión dun responsable, seguindo as instrucións recibidas, e aplicando os procedementos e equipos adecuados, en condicións de produtividade e respectando a normativa de seguridade, saúde e prevención de riscos.
O proxecto do Concello de Ferrol “Ferrol punto de emprego II”, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como obxectivo proporcionar aos beneficiarios unha cualificación profesional que lles permita acceder con mellores condicións de empregabilidade ao mercado laboral.