O Concello de Ferrol recibe aos participantes no seminario europeo para o fomento da cultura emprendedora EUC4BIZ

Venres, 19 de abril de 2013
Xunto co Concello de Ferrol participan neste proxecto os Concellos de Zagreb (Croacia), Varsovia, Kielce e Bydgoszcz (Polonia), Norrköping (Suecia), e Rimini (Italia)

O concelleiro de Participación e tenente de Alcaldía, Jose Manuel Vilariño Anca; e a edil de Emprego, Martina Aneiros Barros, deron o xoves día 18 a benvida aos participantes no encontro sobre o fomento de iniciativas emprendedoras que organiza o Concello de Ferrol, dentro do proxecto “Rede de Cidades Europeas para un entorno empresarial favorable”. Este encontro achegou á cidade naval a técnicos en materia de emprego procedentes de sete cidades de cinco países diferentes que dende o martes 16 até o venres 19 realizan reunións de coordinación e traballo no municipio ferrolán.

Martina Aneiros explicou que nestes seminarios trátase de analizar as medidas que aplican os distintos territorios e elaborar propostas comúns nos ámbitos do emprendemento e a promoción económica e empresarial. Neste sentido, deste encontro internacional en Ferrol sairán os temas que os técnicos debaterán en vindeiros seminarios noutras cidades participantes no proxecto. A titular de Emprego destacou que esta iniciativa “esta a resultar moi positiva polo que supón de intercambio e transferencia de coñecementos no ámbito europeo acerca do apoio ao emprendemento, desenvolvemento de recomendacións para crear contornos máis favorables para as iniciativas empresariais, e a creación de redes de cooperación entre as cidades, as entidades e os actores implicados”.

Previamente á recepción institucional no Pazo Municipal de Ferrol, o Parador de Turismo da cidade acolleu unha xornada de presentación do proxecto que contou coa participación de asociacións, cooperativas, empresarios e representantes da confederación de empresarios (COFER), da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE) e da Asociación de Empresarios de Ferrolterra (AEF), Xunta de Galicia, Deputación de A Coruña, Universidade de A Coruña, etc...


Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego