O Concello de Ferrol iniciará proximamente o programa integrado para o emprego Ferrol Inserta 2.

Xoves, 8 de novembro de 2012
Ata 80 persoas en situación de desemprego poderán beneficiarse deste programa.

Ferrol Inserta 2 é un programa financiado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, dirixido á mellora da ocupabilidade e á inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego mediante a posta en marcha dun plan integral que combinará accións de diversa natureza, tales como información, orientación e asesoramento, formación, práctica laboral, prospección de empresas e intermediación laboral, e mobilidade xeográfica.

As persoas beneficiarias, desempregadas que deberán figurar inscritas como demandantes de emprego, serán remitidas pola Oficina de Emprego do Servizo Público de Emprego de Galicia, tendo prioridade todas aquelas perceptoras de subsidios ou prestacións por desemprego, pertencentes aos seguintes colectivos:

  • Menores de 30 anos
  • Mulleres
  • Persoas desempregadas de longa duración

As persoas beneficiarias terán durante todo o período de execución do programa unha titoría personalizada, por parte do persoal técnico do proxecto. para garantir o óptimo aproveitamento das accións implementadas, e para a súa mellora cara a inserción laboral.

O programa ten unha duración inicial de seis meses que poden ser prorrogados. Dentro das accións a realizar, aquelas de formación específica se dirixirán, prioritariamente, ao sector servizos, especialmente ao subsector comercial.

Programas Integrados



Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego