Concello, hoteis e centros da Terceira Idade asinaron protocolos de colaboración para a realización de prácticas non laborais do curso "Operacións básicas de pisos e aloxamentos"

Mércores, 3 de outubro de 2012
O rexedor municipal agradeceu a colaboración dos hoteis Almirante, Hesperia e Husa Odeón e das residencias de maiores Abrente Geriatros e Euxa Narón, que permitirá “ás quince alumnas deste itinerario formativo ampliar a súa formación e levar á práctica todos os coñecementos”.

Os protocolos asinados teñen como obxecto “mellorar as condicións de acceso ao mercado laboral destas persoas”, subliñou o primeiro edil da cidade. As prácticas comezarán o 24 de outubro e rematarán o 13 de novembro. Rey Varela subliñou que “esta iniciativa formativa pode abrir as portas a un contrato de traballo".

O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, asinou protocolos de colaboración para a realización de prácticas non laborais en empresas das alumnas as que estan a cursar o itinerario formativo “Operacións básicas de pisos e aloxamentos”. No acto participaron a concelleira de Emprego, Martina Aneiros, e responsables das empresas coas que asinou os ditos protocolos: Hotel Almirante, Hotel Hesperia, Hotel Husa Odeón, Abrente Geriatros e Euxa-Narón .

A todos eles, o primeiro edil da cidade agradeceu a súa colaboración nesta acción formativa xa que permitirá ás quince mulleres que participan neste curso “mellorar as condicións de acceso ao mercado laboral, xa que en virtude destes protocolos, este grupo de alumnas fará prácticas non laborais en tres hoteis e dous centros de atención ás persoas maiores de Ferrol e Narón”. Deste xeito, “as persoas desempregadas que estan a ampliar a súa formación neste itinerario formativo poderán levar á práctica todos os coñecementos que estan a aprender”, subliñou Rey Varela. En total, serán 80 horas de prácticas que os beneficiarios comezarán o vindeiro 24 de outubro -estas prolongaranse ata o 13 de novembro- e, tal e como salientou o alcalde de Ferrol, “con elas as alumnas completarán unha extensa e intensiva formación de máis de 400 horas, repartidas en dous meses de clases teóricas e prácticas”.

O curso “Operacións básicas de pisos e aloxamentos” iniciouse o pasado 20 de agosto e está dirixido a persoas en situación de desemprego. Posto en marcha polo Concello de Ferrol, a través da Concellería de Emprego, conta coa colaboración da Consellería de traballo e Benestar Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo. Grazas aos protocolos asinados esta mañá, “esta iniciativa formativa poderá abrirlles ás participantes as portas a un contrato de traballo, que é a meta que o Concello de Ferrol prioriza en todas as accións que se desenvolven desde a Concellería de Emprego”, subliñou Jose Manuel Rey Varela, engadindo que ademais para moitas das participantes “este curso suporá a súa primeira experiencia laboral”. Neste senso, o alcalde ferrolán indicou que estas prácticas “supoñen unha das principais bolsas de traballo ás que recorren os responsables dos hoteis e centros da Terceira Idade cos que hoxe asinamos estes convenios para cubrir as necesidades de persoal”.

O rexedor ferrolán lembrou así mesmo que “o emprego é unha das principais preocupacións que ten hoxe en día a xente; preocupación que comparte, como administración máis cercana aos cidadáns, o Concello de Ferrol”. A este respecto, manifestou que “por este motivo, intensificamos desde o inicio do mandato políticas activas de emprego”. “Traballamos para que Ferrol volva ser unha cidade de oportunidades, unha cidade con traballo e na consecución deste obxectivo, que debe ser común a todas as administracións públicas, é imprescindible a colaboración das empresas”. Ás que hoxe asinaron co Concello de Ferrol os protocolos de colaboración, Jose Manuel Rey Varela reiterou o seu agradecemento.

O curso “Operacións Básicas de Pisos e Aloxamentos” está financiado pola Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia ao abeiro da súa programación de Accións Formativas para Desempregados (Plan AFD) e conta con certificado de profesionalidade. A súa duración é de 408 horas que se distribúen en tres fases: a de formación específica, de 300 horas; a fase práctica, de 80 horas; e a fase de módulos transversais, de 28 horas.

As persoas formadas neste curso poderán desenvolver a súa actividade profesional en todo tipo de hoteis e noutros aloxamentos turísticos como balnearios, apartamentos turísticos, cidades de vacacións ou establecementos de turismo rural. Tamén poderán levar a cabo a súa actividade en aloxamentos non turísticos como centros sanitarios, residencias de estudantes ou da Terceira Idade, entre outros.


Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego