|
REMATA O PROCESO DE SELECCIÓN DO PROGRAMA INTEGRADO “FERROL INSERTA”
Venres, 2 de decembro de 2011
O Concello de Ferrol pon en marcha o programa integrado “Ferrol Inserta”, coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, dirixido á colocación no mercado de traballo de persoas desempregadas, a través da combinación de accións de orientación e información laboral, asesoramento para o autoemprego, formación ocupacional e práctica laboral.
O Concello de Ferrol recibiu do Servizo Público de Emprego preto de 500 persoas demandantes de emprego, seleccionándose finalmente a 100 persoas pertencentes aos seguintes colectivos:
- Mulleres
- Mozos menores de 30 anos
- Persoas desempregadas de longa duración.
Destas persoas, un 60% son perceptoras de prestacións e subsidios por desemprego.
O carácter experimental e innovador deste programa consiste na busca de diferentes alternativas para a inserción laboral integral destas persoas con maiores dificultades para incorporarse ao mercado de traballo, a través do deseño personalizado dun plan adaptado ás necesidades de cada persoa participante.
Este programa desenvolverase como un plan integral de emprego no que se implementarán accións de diversa natureza:
- Asistencia para o emprego.
- Formación específica adaptada aos postos de traballo que demanden ás empresas da comarca.
- Práctica laboral para favorecer a integración laboral plena e satisfactoria das persoas participantes.
O proxecto está dirixido á formación específica en sectores de hostalería, seccións de supermercados e atención sociosanitaria.
Dende o Concello de Ferrol considérase fundamental a participación das empresas para acadar os obxectivos previstos do programa, de xeito que con elas se realizan as accións de "Formación específica" e de "Práctica laboral". Con esta colaboración as empresas poden comprobar de primeira man o axuste dos perfís que se forman de acordo ás súas necesidades de persoal, cubrindo cos mesmos as súas vacantes de persoal a curto prazo, e tamén incorporando á súa bolsa de emprego a persoal cualificado para necesidades futuras.
|
|