I Congreso de Promoción Económica e Emprego do Concello de Ferrol

Mércores, 2 de marzo de 2011
Organizado a través do Centro de Emprego, se desenvolverá os días 3 e 4 de marzo, contando cun importante plantel de poñentes

Máis información e inscricións en:
http://congresoempregoferrol.es/

O alcalde, Vicente Irisarri, presentou xunto co concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Ramón Veloso, o I Congreso de Promoción Económica e Emprego que se celebrará os días 3 e 4 de marzo no salón da Viceirretoría do Campus de Ferrol, organizado polo Concello de Ferrol -a través do Centro Municipal de Emprego- en colaboración coa Deputación Provincial e a Universidade da Coruña. Un congreso no que se abordarán as políticas activas de emprego, a súa reforma ou os modelos vixentes.

Xa polo miúdo, o concelleiro explicou que ao longo das dúas xornadas expertos de recoñecido prestixio nacional reflexionarán sobre a situación actual de desemprego que afecta a día de hoxe ao conxunto do país e cara a onde deben ir as políticas activas de emprego.

O I Congreso de Promoción Económica e Emprego arrancará ás 09.30 horas o 3 de marzo coa intervención do alcalde, Vicente Irisarri, e continuará cun destacado experto: Emilio Ontiveros Baeza, presidente de Analistas Financieros Internacionales (AFI), “unha das opinións autorizadas”, manifestou, que abordará a crise e a evolución do mercado de traballo español. Aspecto do que tamén falará Manuel de la Rocha Rubí, secretario do Padroado da Fundación Alternativas, deputado do PSOE e membro da Comisión de Traballo e Inmigración do Congreso. O programa do Congreso tamén se centrará na intermediación laboral, que analizará Vicente Pérez Menayo, conselleiro de Relacións Sociais Internacionais do Ministerio de Traballo e Inmigración. El ofrecerá, segundo avanzou o edil Ramón Veloso, información acerca de cara a onde deben camiñar os intermediarios laborais.

Así mesmo, o Congreso servirá para dar a coñecer os modelos de aplicación das políticas activas de emprego a nivel autonómico. Así pois, serán abordados por representantes de diferentes comunidades como a canaria a través de Alberto Génova Galván, director xerente do Servizo Canario de Emprego; a navarra, a través de José Luis Ruiz Ciruelos, director xerente do Servizo Navarro de Emprego; a extremeña, do director xerente do Servizo Extremeño Público de Emprego, Rafael Pacheco Rubio, e da galega, con Ana Díaz López, directora xeral de Formación e Colocación da Xunta de Galicia. Todos eles, tal e como avanzou Veloso, aportarán as experiencias que neste campo se están levando a cabo nas súas respectivas comunidades. Comunidades que, tal e como subliñou o edil, si teñen competencias e si teñen algo que dicir nas políticas activas de emprego.

A xornada do xoves rematará cunha mesa sobre “Perspectiva sindical”, na que participarán Maica Bouza, secretaria de Emprego, Economía Social e Autoemprego de CC.OO-Galicia; Delia Irene Martínez, secretaria de Organización e Comunicación de UXT Galicia e un representante da CIG, por confirmar.

O I Congreso de Promoción Económica e Emprego continuará o 4 de marzo facendo fincapé nos importantes esforzos que están a facer os concellos nas políticas activas de emprego a través dos seus orzamentos, a pesar de non ter competencias nas mesmas. Así, baixo o título de “Panel de experiencias: fomento do emprego a nivel local”, celebrarase unha mesa redonda na que intervirán Mayte Alonso, técnica de Emprego do Concello de Ferrol; David Castro, concelleiro de Facenda, Desenvolvemento Económico e Comercio do Concello de Getafe; Xavier Ferreiro, responsable da área de Emprego da Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello de Santiago; Manuel García Morales, xefe de Servizos de Promoción Económica e Programas Europeos do Concello de L´Hospitalet de Llobregat, e Euken Sesé Sarasti, xerente de Fomento de San Sebastián.
Finalmente, intervirá Antonio Toro Barba, director xeral do Servizo Público de Emprego Estatal, que impartirá a conferencia “Reforma das políticas activas de emprego. Relación coas entidades locais”. O congreso pecharase ás 14.00 horas coa intervención do alcalde, Vicente Irisarri, quen avogou pola existencia dun marco legal que respalde aos concellos e lles dea unha maior autonomía na posta en marcha das políticas activas de emprego, así como por un maior entendemento coas comunidades autónomas, coas que é preciso traballar cóbado con cóbado.


Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego