A Rede Innova Ferrolterra organiza un workshop sobre estratexias de innovación aplicada

Venres, 3 de decembro de 2010
A Rede Innova Ferrolterra inicia a súa actividade coa organización dun workshop dedicado aos coñecementos estratéxicos en innovación aplicada que terá lugar o próximo venres, 3 de decembro, na sala de comunicación do Vicerreitorado no Campus de Esteiro.

Os workshops promovidos pola Rede son talleres que versan sobre temas prácticos de aplicación directa no ámbito da empresa: ferramentas e técnicas para a preparación de propostas e proxectos innovadores, instrumentos para financiamento, infraestruturas de apoio á innovación, experiencias empresariais, etc.

A sesión do venres inclúe, a partir das once da mañá, o relatorio Requisitos do sistema de xestión do I+D+i.UNE166002:2006 a cargo de Rebeca Fernández, responsable de operacións de tecnoloxía da delegación de AENOR en Galicia.

Na segunda parte da xornada, o relator será Pere Losantos, investigador, profesor universitario de innovación e emprendimento. Ademais de ser un dos principais expertos que hai en España en asesoramento a empresas de base tecnolóxica, Losantos ten colaborado coas administracións públicas na definición e execución de políticas de apoio á investigación e de transferencia de tecnoloxía ás empresas.

A súa exposición, baixo o título Cinco escusas para non innovar analiza as causas da reticencia das empresas a introducir políticas de innovación e propón diferentes solucións para contrarrestar este obstáculo.

A seguinte sesión dos workshops será 17 de decembro e estará centrada no papel das universidades na transferencia de innovación ás empresas e nas liñas de financiamento existentes para realizar actividades de I+D+i.

A asistencia aos workshops ten carácter gratuíto.

A Rede Innova Ferrolterra está formada polo Concello, a Universidade da Coruña, a Cámara e outros axentes como empresas, asociacións empresariais e centros tecnolóxicos que, a través da cooperación, buscan favorecer entre as pemes a difusión da cultura innovadora e a incorporación á sociedade da innovación e o coñecemento.


Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego