Os Programas de Cualificación Profesional Inicial facilitaron con formación e prácticas en empresas o acceso ao mercado laboral duns 600 mozos en nove anos

Venres, 18 de xuño de 2010
O alcalde, Vicente Irisarri, presidiu o 17 de maio o acto de entrega dos diplomas aos participantes neste programa. Os Concellos de Ferrol, Narón, Fene e Neda e os IES de Canido, Catabois, Ferrol Vello, Fene, Fernando Esquío e o CPI do Feal impulsaron o plan xunto coa Xunta. Co apoio do tecido empresarial, os cursos favoreceron a inserción laboral de rapaces de entre 16 e 19 anos sen estudos de ESO e con dificultades de inserción laboral

O alcalde, Vicente Irisarri, presidiu no Centro Torrente Ballester o acto de clausura da novena edición dos Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI). O acto contou coa presenza do alumnado de entre 16 e 19 anos, sen estudos de Educación Secundaria Obrigatoria e con especiais dificultades de inserción laboral, que participaron e superaron o proxecto; representantes dos centros educativos que, xunto aos concellos de Ferrol, Fene, Narón e Neda, impulsan esta iniciativa e das 32 empresas que colaboraron na mesma.

Nesta liña, o alcalde quixo destacar o valor desta ferramenta clave para facilitar a incorporación ao mercado de traballo dun colectivo con especiais dificultades e, máxime, nun contexto de crise económica como o actual. De feito, avanzou que desde o ano 2001 en que se veñen desenvolvendo os PCPI, o 32,5% dos alumnos e alumnas participantes (un total de 597) acadaron un contrato de traballo en empresas de Ferrol e comarca ao remate da formación recibida. Este ano, foron 83 os alumnos e alumnas participantes nestes programas, seleccionados de entre as 180 preinscricións recibidas para formarse en sete especialidades formativas e aprender un oficio. Estas foron:
  1. Comercio (Reposición),
  2. Comercio (Alimentación),
  3. Restaurante e Bar,
  4. Carpintería,
  5. Limpeza,
  6. Fabricación Mecánica,
  7. Electricidade.

Neste curso 2009/2010, e dos 83 alumnos participantes, 60 aprobaron os exames da ESO, 24 firmaron un contrato laboral e 33 decidiron continuar estudando.

Desde o inicio destes Programas de Cualificación Profesional, concebidos como unha vía de acceso ao mercado de traballo mediante a aprendizaxe dunha profesión, foron 597 os alumnos e alumnas que recibiron formación nos mesmo. Deles, 370 superaron os exames académicos, 194 accederon ao mercado laboral tras facerse cun contrato de traballo e 160 continuaron estudando.

Os PCPI abranguen formación básica, que se imparte nos centros de ensino participantes, específica e prácticas non laborais en empresas de Ferrol e comarca. Así mesmo inclúen medidas de acompañamento ao alumnado baseadas nunha titorización continua, seguimento, orientación e avaliación dos alumnos. Estes recibiron tamén formación académica regrada (Educación Secundaria, acceso a ciclos formativos de grao medio, proba libre para obter o graduado en Educación Secundaria) e formación transversal (manipulador de alimentos, riscos laborais...).

Aos PCPI, que se puxeron en marcha no ano 2001 por iniciativa do Concello de Ferrol xunto coa EPA de Caranza, sumáronse este ano os concellos de Fene, Narón e Neda e os centros IES Fene, IES Fernando Esquío e CPI do Feal. Todos eles, en colaboración coas Consellerías de Traballo e Educación da Xunta de Galicia, organizaron de forma coordinada estes programas. A poboación diana destes programas son mozos que rexeitan ou son rexeitados polo sistema educativo regrado ou formal, persoas con necesidades especiais (discapacitados físicos e psíquicos), pertencentes a colectivos con dificultades especiais para inserirse no mercado de traballo (inmigrantes, procedentes de centros de menores ou persoas de etnia xitana). Dentro do cupo de alumnos de cada curso resérvanse tres prazas para persoas desempregadas non beneficiarias dos PCPI. Estes son principalmente maiores de 30 anos, parados de longa duración, inmigrantes e adultos en risco de exclusión social.


Concello de Ferrol Rede de Técnicos de Emprego de Galicia Xunta de Galicia Fondo Social Europeo Servizo Público de Emprego